30 de jan. de 2014

30 DE XANEIRO, DÍA ESCOLAR POLA PAZ –Educadores e Educadoras pola Paz de Nova Escola Galega

 

DSC05008

Integrantes da Nova Escola Galega e da Associación Galega de Educadores para Paz (AGAPAZ) - II Xornada de Interculturalidade e Educación de la Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as de Vigo e comarca (FOANPAS), Vigo (Galicia/ES) em 27 de outubro de 2012.

 

Estamos un ano máis no do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, conmemorando a morte de Mahatma Gandhi e tentando sensibilizar desde a escola a toda a sociedade sobre os valores da paz. Os Educadores e Educadoras pola Paz de Nova Escola Galega – NEG vimos mantendo desde 1984 o noso compromiso de insistir en que esta data debe ser só un pretexto para proxectar a educación pola paz ao longo de todo o ano e en todos os contextos da vida para aprender a afrontar os conflitos de maneira non violenta.

Vivimos tempos difíciles a nivel social e mesmo cos cambios lexislativos que se están producindo. Estamos rodeados de situacións inxustas que son unha forma, non recoñecida, ás veces, de violencia e a isto hai que sumarlle a crecente inxustiza social xerada polas estruturas do poder, que están a producir un importante retroceso lexislativo das liberdades: lei do aborto, LOMCE, desafiuzamentos, copagamentos, desemprego e precariedade laboral, violencia de xénero, acoso escolar e sexual... etc. Sen esquecer estas realidades, non estaría mal unha volta aos nosos principios e achegarnos ás situacións máis próximas que temos cada día nas nosas escolas. Os conflitos que xorden a diario son unha oportunidade para repensar como podemos mellorar a convivencia na nosa comunidade educativa.

 

DSC04988

 

Como educadores e educadoras temos de vivir, imaxinar e transmitir valores e actitudes que empapen de paz as nosas relacións. Vivir é transmitir actitudes e comportamentos xustos e solidarios. Isto non é outra cousa que educar e educármonos para a paz. Temos que facer pedagoxía da paz, crear unha nova conciencia que descubra o territorio da verdadeira seguranza e da auténtica pacificación. Una nova conciencia que denuncie o desfasamento entre os gastos militares para a morte e os gastos civís para a vida: os gastos en educación, sanidade, conservación do medio ambiente, Paz e dereitos humanos, convivencia en igualdade entre homes e mulleres, prevención da violencia de xénero, resolución pacífica de conflitos, interculturalidade, valores cívicos e democráticos, protección do medio natural... en definitiva, Cultura de Paz, que non é só educación para a paz, dereitos humanos e democracia, senón tamén, loita contra da exclusión e a pobreza (o gran obxectivo do milenio), diálogo intercultural e resolución pacífica de conflitos.

O estudo, análise e debate nas nosas aulas dos problemas que afectan á nosa convivencia pode levarnos a mellorar as normas de convivencia democrática, mantendo o principio do respecto ás persoas no marco dos dereitos humanos.

A nosa concepción gandhiana do conflito como algo natural e inevitable na existencia humana, inclusive como un valor necesario que posibilita o debate que serve de base para a crítica e a construción da mellora, lévanos a unha necesidade da pedagoxía da convivencia que permita aprender a vivir resolvendo os conflitos sen violencia e a canalizar a agresividade como forma de autoafirmación e non de violencia.

Non podemos pensar que o tema da convivencia se reduce só aos momentos en que se producen os conflitos. Necesitamos un plan de convivencia en cada centro, dentro dunha planificación feita de forma global e continuada e que teña en conta a prevención e a resolución de conflitos. Debemos propiciar espazos e tempos e utilizar estratexias didácticas que favorezan a convivencia.

A aprendizaxe da convivencia necesita planificación para a aula e para o centro. Debe brindar oportunidades, apoio e estímulo constantes e crear unha mínima estrutura que fomente a participación real de todos os sectores, evite medidas de exclusión e mostre compromiso cos cambios positivos. “Crear na aula e no centro un clima de seguridade, de confianza, de mutuo apoio…” Jares.

* O Día Internacional pola Paz, proclamado pola ONU e pola UNESCO, celébrase o 21 de setembro. Como nesas datas estamos a comezar o curso, vénse conmemorando o 30 de xaneiro, aniversario do pasamento de Gandhi. A idea foi dun poeta, educador e pacifista mallorquino Llorenç Vidal, principal promotor do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Este ano o grupo de traballo de Educadores pola Paz de NEG celebrará o XXVIII Encontro anual, nesta edición de 2014, en Chaves e será arredor do 25 de abril, data en que se conmemora o 40º aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal.

Para saber máis: “Pedagogía de la Convivencia” Xesús Rodríguez Jares, Biblioteca de aula 228, Graó, Barcelona 2006

EDUCADORES EDUCADORAS POLA PAZ DE NOVA ESCOLA GALEGA

Santiago de Compostela, xaneiro de 2014


Nova Escola Galega
San Clemente, 18-baixo – 15705
Santiago de Compostela - Galiza (ES)
Tel/Fax. 981562577
www.nova-escola-galega.org

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Participe! Adoraria ver publicado seu comentário, sua opinião, sua crítica. No entanto, para que o comentário seja postado é necessário a correta identificação do autor, com nome completo e endereço eletrônico confiável. O debate sempre será livre quando houver responsabilização pela autoria do texto (Cida Alves)